A tenente de Alcalde e concelleira de Fondos Europeos de Lalín, Mª Paz Pérez Asorey, anunciou a formalización da presentación da solicitude de axuda de Fondos Europeos da EDIL para acometer accións de mellora contemplados no PAI (Plan de Actuación Integrado recollido na Axenda Urbana) e con iso queda tramitada a solicitude de fondos que finaliza o próximo día 28 de febreiro.
A edil precisou que a solicitude, tal e como foi presentada, contempla cinco liñas de actuación, que reparten investimentos no centro urbano e na totalidade das oito áreas parroquiais debuxadas na Axenda Urbana ata totalizar 15 millóns € de investimentos entre fondos europeos e fondos propios que se repartirían nun 60% de recursos procedentes da Unión Europea e un 40% correspondentes a fondos a achegar desde as arcas municipais. A tramitación desta solicitude foi, dixo, moderadamente fácil, considerando que Lalín xa tiña en vigor unha Axenda Urbana e moi ultimado o PAI que leva asociado.
Dous documentos necesarios e vinculantes para a obtención destes fondos e que Lalín levaba moi avanzado ao ser proxecto piloto da Axenda Urbana Española. O montante solicitado por Lalín para estes Fondos FEDER ascende a 15 millóns €, o máximo que se podía solicitar como entidade intermedia en solitario, aínda que «segundo algúns avances dos técnicos e dos expertos na materia, podería ser minorada, en caso de ser concedida, para axustar as solicitudes de todos os concellos galegos que poderían acceder as ao redor de 230 millóns de euros de investimentos».