Máis de 300 alumnos da ESO xa participaron nas xornadas de divulgación infantil do “Axenda Local Urbana de Lalín” aportando as súas ideas e propostas para a mellora do municipio no que residen. Os representantes deste alumnado terán a oportunidade, o vindeiro mes de marzo, de presentar as súas propostas e opinións ante as máximas autoridades locais e profesionais da administración pública, do medio ambiente ou da sustentabilidade.
Nestas visitas formativas estanse a abordar temas como os efectos ambientais, a contaminación e a destrución dos ecosistemas, a mobilidade, así como a configuración futura de Lalín e outras liñas da Axenda Urbana de Lalín 2030. Ademais, o alumnado participa en diferentes dinámicas colaborativas, para axudarlles a reflexionar e facer aportacións sobre os proxectos formulados na Estratexia da Axenda Urbana Local. Con estas actividades péchase o ciclo nos CEIPs, quedando pendente só a visita aos IES para este mes de febreiro
Posteriormente, a campaña vaise achegar ás parroquias e puntos de referencia territoriais, aos axentes sociais e aos veciñais para explicar os aspectos da Axenda Urbana Local a través de charlas e xornadas de traballo que se desenvolverán nos vindeiros meses.
A actividade forma parte do plan de traballo para o desenvolvemento e implementación das accións establecidas na “estratexia da Axenda Urbana Local de Lalín”, ao amparo do proxecto piloto financiado e impulsado polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, que converteu a Lalín nun dos referentes de España en desenvolvemento sostible en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible – Axenda 2030.




