Constrúindo un Lalín novo

O Concello de Lalín avanza na Axenda Urbana e creará unha versión en galego do seu Plan de Actuación Integrado

Mai 19, 2025

A Comisión de Seguimento da Axenda Urbana do Concello de Lalín reuniuse o pasado 15 de maio para avaliar o progreso das iniciativas enmarcadas no plan de acción, dende setembro de 2024 ata o primeiro cuadrimestre de 2025. A xuntanza, convocada pola Concelleira de Xestión de Fondos Europeos e Axenda Urbana, Paz Pérez Asorey, tivo lugar na Sala de Reunións do Concello.

Ademais da concelleira Pérez Asorey, asistiron á reunión Rafael Cuiña Aparicio, en representación de Compromiso por Lalín, e as Técnicas de Administración Xeral do Concello, Sara Mª López Arines e Ángela Vilar González.

Durante a sesión, presentouse un resumo detallado da evolución das actuacións levadas a cabo nos diferentes proxectos que compoñen o plan de acción da Axenda Urbana. Os membros da comisión mostraron a súa conformidade co avance xeral do plan, destacando o bo ritmo na execución das diferentes iniciativas.

Como un dos principais acordos adoptados, decidiuse crear unha versión en galego do documento “Plan de actuación integrado da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Local”. Esta medida busca facilitar o acceso e a comprensión do plan por parte de toda a cidadanía, garantindo unha maior transparencia e participación no desenvolvemento futuro do municipio.